Sunday 28 de April de 2024

A Xunta de Goberno Local dálle luz verde ao convenio coa Xunta e Adif para construír a Estación Intermodal


Na sesión de hoxe autorizouse o acordo para o desenvolvemento conxunto do Transporte metropolitano na cidade e na comarca

A Xunta de Goberno Local autorizou na sesión desta mañá o convenio marco que establece a colaboración entre o Concello, o Goberno autonómico, o Ministerio de Transportes e Adif para construír a Estación Intermodal da Coruña. O acordo recolle que o concello construirá os accesos á estación e un aparcadoiro para vehículos na estación de autobuses. Entre os traballos que asumirá o concello está a remodelación das avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, que inclúe a construción dunha pasarela, que nun principio será para as persoas viandantes e ciclistas, pero que o Goberno local non descarta que se destine para o tráfico de vehículos. Ademais, construirá o viario de conexión entre a avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que servirá para mellorar a conexión e accesibilidade entre as ditas avenidas e a nova estación. Para poder levar a cabo estas actuacións, o Goberno local realizou cambios no Plan xeral de ordenación municipal que aparecen tamén recollidos no convenio tras a súa aprobación polo Pleno.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor unha infraestrutura vital para a cidade que mellorará a mobilidade entre a cidade e a área metropolitana. Rey sinalou que, en apenas un ano, o Goberno local impulsou un proxecto que levaba anos paralizado e que agora comeza a verse a luz ao final do túnel.

Tamén se lle deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e outros concellos para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na Área de transporte metropolitano da Coruña e autorizará a súa subscrición. Aínda que non aparece recollido neste convenio, para o concello este acordo ampara a posibilidade legal de que os buses urbanos traspasen os límites do termo municipal da Coruña, tal e como aparecía recollido no convenio do 2010. O Goberno local incluirá nos orzamentos municipais a partida necesaria para facer fronte ás achegas anuais, que ascende a 8.248 euros.

Na proposta de acordo o concello demándalle á Consellería de Transporte que se comprometa a abrir un proceso que desemboque na posta en marcha dunha única autoridade do transporte na área metropolitana e a estableza novos mecanismo que faciliten un intercambio de información máis fluído entre Xunta e concellos.

Doutra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento de Rómulo Sanjurjo como director da área de Cultura. Sanjurjo, músico, produtor e xestor cultural, está especializado na creación e dirección de proxectos culturais para entidades públicas e privadas e, na actualidade, é vicepresidente de GloMMnet, Global Music Market Network, asociación mundial dos mercados e feiras profesionais de música, con sede en Seúl.

Tamén se aprobou o proxecto de obras para mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade das rúas Cultura e Pintor Francisco Lloréns, en que se ensancharán as beirarrúas habilitando espazos de convivencia para a veciñanza con vexetación e bancos.

Na sesión de hoxe autorizouse a cesión do uso dunha aula de informática do Centro Municipal de Emprego dos Rosales á Asociación Banco de Alimentos para impartir cursos de formación de voluntariado.

E, por último, no ámbito xudicial, tamén se aprobou interpoñer un recurso contra a resolución da Xefatura da Coruña da Consellería de Medio Ambiente pola que suspendeu a autorización concedida ao Concello da Coruña para os traballos de restauración do Xardín de San Carlos. O concello argumenta que se prescinde do procedemento legal establecido. Para o Goberno local a autorización unicamente podería ser suspendida no marco dun procedemento de revisión do acto administrativo, que non se produce neste caso. A consellería, explican desde Medio Ambiente, pode comprobar que as obras que realiza o concello se axustan os traballos autorizados.